Presentación
A maneira máis directa de atopar e instalar apps é a través das tendas de aplicacións ou Stores dispoñibles, segundo cada sistema operativo móbil. Ademais destas tendas específicas existen tendas abertas para diferentes sistemas e sitios especializados na recopilación e busca de apps exclusivamente educativas.
Tanto Android como iOS compiten en todos os campos, incluído o da Educación, en establecer un mercado de apps e impoñer o seu modelo, a través de solucións adaptadas para escolas que inclúen os dispositivos e paquetes de aplicacións.
Para permitir un modelo BYOD e que se poidan empregar outros dispositivos como notebooks, cómpre fuxir destes modelos tan comerciais. Habería que buscar apps educativas que a ser posible dispoñan dunha alternativa web. Se ben, certas apps específicas para móbiles non dispoñen de web pero a súa funcionalidade educativa pode ser moi valiosa, polo que poderíamos adoptalas para a realización de actividades específicas para unha determinada materia. Aínda así, neses casos cómpre tentar sempre que cubran como mínimo os dous sistemas operativos principais (Android e iOS) para non limitar as solucións adoptadas. Este sería o xeito de evitar a segregación tecnolóxica na aula.