Na área de Química dispoñemos de moitas apps que nos axudan no traballo diario da aula. As apps máis típicas acostuman a ser calculadoras e táboas periódicas, que como xa vimos o máis normal é que sexan apps dependentes do sistema operativo en cuestión, sendo exclusivas para Android ou iOS. A maiores, dispoñemos doutras apps máis lúdicas, que nos deixarán experimentar con reaccións, como goREACT, xogar a formar moléculas, como Chemdrops, ou enciclopedias de compostos como Yoformulo.
goREACT
O Museo de Ciencia e Industria de Chicago tráenos esta app onde teremos á nosa disposición unha táboa periódica completa. A maiores da información da táboa podemos "xogar" cos distintos elementos de forma que arrastrándoos á "área de reacción" da pantalla podemos comprobar de forma virtual que reacción farían. A modo de titorial de introdución, a propia app ofrecerá unha serie de reaccións para comezar. Dispón de aproximadamente 300 reaccións con imaxes e vídeos que ilustran os seus resultados. Aínda que polo tamaño da táboa está máis ben orientada ao seu uso en tablets, tamén pode empregarse dende smartphones. Premendo sobre calquera dos 118 elementos poderemos ver unha imaxe e algún feito divertido sobre el. A única pega é que só está dispoñible en inglés.
Dispoñible para: Android e iOS
Chemdrops
Unha app para aprender química que fai uso da gamificación, ao estar deseñada como se fora un xogo de tipo arcade. Trátase de ir facendo combinacións de átomos para formar moléculas o máis rápido posible para superar nivel a nivel. Unha app moi sinxela, apta para calquera nivel. É unha divertida forma de aprender xogando, como antes, un posible inconvinte é que só se atopa dispoñible en inglés.
Yoformulo
Esta app está máis orientada a estudantes de secundaria e bacharelato. Resultará útil para aprender a nomear e formular os compostos químicos inorgánicos máis comúns. A partir da súa base de datos pódense buscar os elementos polo seu nome ou fórmula (por exemplo: "Ácido sulfúrico" ou "H2SO4") para a continuación obter detalles acerca da súa nomenclatura e unha explicación de como se forma a partires das formas tradicional ou sistemática. A base de datos recolle actualmente 5.000 compostos. Nesta ocasión a app si estará dispoñible en español, contando ademais cunha versión PRO, de pago, que por 1,79€ adicionais proporcionaranos un conxunto de exercicios autoavaliables. Cabe destacar que a versión gratuíta permite buscar sen problemas todos os compostos, a única limitación será o acceso a eses test de autoavaliación.