Guerra de navegadores, o campo de batalla amplíase a smartphones e tablets

 

Miniatura lubas de boxeo

 

A competencia entre os principais navegadores ten un novo campo de batalla. Os smartphones e tablets entran na loita a través dos sistemas operativos ou plataformas para móbiles. Chrome, Firefox, Explorer, Safari e Opera compiten polos primeiros postos, pero hai moitos máis.

 

Os máis rápidos e os máis empregados

Na seguinte infografía amósanse os resultados dun estudo realizado por New Relic a partir da análise das páxinas máis visitadas nos seus sistemas durante o 2013, preto de 3 millóns, analizando os tempos de resposta. Para esta análise tiveronse en conta os dispositivos móbiles, o cal ofrécenos unha visión máis ampla onde destaca sobre todo o feito de que, o practicamente descoñecido navegador Blackberry 5.0, destaque sobre todos os seus competidores no tempo de carga da páxina.

 

Por outro banda, en grandes porcentaxes vese de novo a rivalidade entre grandes compañías cada unha co seu navegador estrela, sen que isto garde unha relación directa coa velocidade de resposta senón máis ben coa súa implantación no dispositivo. Nese senso os líderes son Chrome para portátiles e ordenadores de escritorio mentres que en dispositivos móbiles atopamos en primeiro lugar Safari, seguido da dualidade Android-Chrome. Por último, tamén chama a atención o feito de que Internet Explorer, o rei noutros tempos, se manteña na súa caída, estando xa moi lonxe das primeiras posicións.

 

Infografía datos navegadores 2013

 

 

Alternativas aos navegadores máis empregados

En calquera caso cómpre agradecer que se manteña a competencia e que cada usuario poida optar polo navegador que máis lle guste. Ademais dos xa mencionados, que son os máis coñecidos, recentemente foron aparecendo navegadores especiais para nenos, con opcións de seguridade ampliadas ou navegadores de plataformas libres como os que nos atopamos en Linux. Se queres probar cousas novas, aquí van algunhas suxestións:

 

Zac Browser

Navegador web desenvolvido especificamente para nenos e nenas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA), tales como o Síndrome de Asperger, Trastornos xeneralizados do desenvolvemento (TGD), trastorno de Rett, trastorno desintegrativo da infancia, etc… que víamos recentemente no artigo Recursos educativos para nenas e nenos con trastornos do espectro autista (TEA).

 

Chromiun

Navegador web de código aberto a partir do que se desenvolve Chrome. As principais diferenzas con este radican na falta de dependencias cos produtos de Google. Polo demais atópase dispoñible nos mesmos sistemas operativos, e é unha opción estable compatible ademais coa maioría de extensións de Chrome. Máis información no Sitio oficial de Chromiun.

 

Torch Browser

Este navegador baseado á súa vez en Chromiun ofrece moitas posibilidades ampliadas como:

  • Xestor de Torrents incorporado, polo que non teremos que recorrer a outros programas externos.
  • Xestor de descargas, tipo JDownloader que permite recuperar unha descarga se falla.
  • Descarga directa de arquivos multimedia na páxina que estemos visitando, como vídeos de Youtube.
  • Interface para facilitar a publicación en redes sociais.

Máis información e descarga no Sitio web de TorchBrowser

 

Epic

Navegador baseado en Chromiun centrado na privacidade que bloquea o uso de cookies e outros códigos que capturan datos privados do usuario, análiticos ou de redes sociais. Avísanos ademais das accións de bloqueo de seguridade que vai realizando para saber que webs tentan apropiarse da nosa información. Ademais emprega un proxy como intermediario para evitar que se identifique o noso enderezo IP. Realmente trátase dun dos navegadores máis completos en canto a privacidade de datos. Máis información no Sitio oficial de Epic Browser.

 

Capturas de Dolphin Zero para Android

 

Alternativas lixeiras en Linux

Midori ou Epiphany son navegadores de código aberto que poden funcionar ben en distros lixeiras aínda que limitando un pouco as funcionalidades que teñen, non teremos os repositorios de extensións de Firefox ou Chrome, pero a cambio, as páxinas cargarán máis axiña. Serán opcións moi recomendables sobre todo se traballamos con ordenadores de poucos recursos.

 

Firefox Mobile

Ten unha interface moi lograda, que aproveita moi ben o espazo e ten un innovador sistema de cambio de pestanas. Está optimizada para móbiles e tabletas, pero mantén opcións como a de sincronizar para ter por exemplo os mesmos marcadores que no Firefox instalado no noso ordenador de escritorio. Máis información e descarga no Sitio oficial de Firefox Mobile.

 

Capturas de Firefox Mobile

 

Dolphin Zero

Navegar anonimamente é unha opción que xa acostuman ter todos os navegadores, sobre todo os de escritorio. Unha alternativa para móbiles sería Dolphin Zero, baseado en Dolphin, co que non haberá que facer ningún tipo de borrado ou selección de navegación. En todo momento navega de forma anónima, sen facer uso de cookies, historiais de busca, información xeográfica ou almacenamento de contrasinais. Máis información e descarga na Play Store Dolphin Zero.

 

Capturas de Dolphin Zero para Android

 

K-Meleon

Un dos poucos navegadores libres e lixeiros dispoñibles en Windows. Destaca por ser Ultra-configurable con habilidades como, por exemplo, facerse pasar ante os servidores por outros navegadores a súa elección. Configurar xestos do rato, diferentes sistemas de marcadores, e infinidade de macros creadas pola comunidade de usuarios que facilitan operacións habituais. Máis información e descarga no Sitio oficial de K-Meleon.

 

Amaya

Combina navegador web con ferramenta de autor, permitindo editar as páxinas, a modo de pre-visualizador. Soporta edición de formatos: (X)HTML, CSS, MathML e SVG. En caso de incluír ligazóns podemos comprobar que vaian á páxina desexada. Ademais é software libre, multiplataforma e conta co beneplácito e soporte do W3C. Máis información e descarga no Sitio oficial de Amaya.

 

Comparativa

Se algo queda como conclusión final é o feito de que os usuarios non escollen os navegadores pola súa rapidez ou funcionalidades, senón máis ben confórmanse co que xa vén preinstalado no seu dispositivo. Se queres saber aínda máis sobre estes programas na Wikipedia vén unha completa comparativa de navegadores web.

 

 




Séguenos en Facebook Twitter Slideshare Pinterest RSS

Validado Nivel de Accesibilidade AA XHTML Válido CSS Válido

Drupal
 
Principal
Inicio
Nós
Servizos
Artabria
Aviso legal
 
Social
Contacto
Comunidade
Recursos
Publicacións e contidos
Buscador
eBooks
Revistas

Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.