7 Aplicacións ofimáticas e de almacenamento en Android e iOS

 

Aplicaciones ofimáticas en Android

 

En artigos anteriores víamos que era Android e como instalar aplicacións neste sistema operativo destinado a dispositivos móbiles como Smartphones ou Tablets. A continuación veremos que aplicacións temos dispoñibles na categoría de Ofimática, o que nos permitirá levar a nosa oficina ou escritorio no móbil.

 

Este conxunto de aplicacións nos permitirán trasladar a potencia na edición e lectura de documentos dun ordenador de escritorio ao noso dispositivo móbil. Existen numerosas aplicacións dentro desta categoría polo que para facer unha selección, analizaremos se son gratuítas, a súa utilidade práctica, prestacións, facilidade de uso, o número de usuarios que as usan, a súa compatibilidade con outros sistemas operativos móbiles como iOS e o resultado da nosa propia experiencia de uso. A selección tamén se orientará cara a un posible uso das aplicacións nos eidos educativo e da pequena e mediana empresa, pero ademais cómpre ter en conta o uso persoal que cada un poida darlles na súa vida diaria.

 

Moitas das aplicacións que veremos a continuación teñen o seu equivalente programa de escritorio ou aplicación Web 2.0, que neste caso permitiranos funcionalidades ampliadas como traballo colaborativo ou almacenamento na nube.

 

Evernote

Esta aplicación permítenos realizar anotacións nunha versión supervitaminada da típica aplicación de notas que vén integrada en Android. Con Evernote podemos tomar notas en formato de texto enriquecido, coma nun editor de texto de escritorio, pero ademais a través de fotos, gravacións de audio, como marcadores de páxinas web ou textos manuscritos directamente sobre a pantalla do dispositivo. As notas almacenaranse na conta que teñamos creada en Evernote e poderemos acceder a elas dende outros dispositivos. É moi completa e permítenos agrupar as notas por cadernos e asignarlles etiquetas, o que nos permitirá recuperalas de xeito doado a posteriori. Como inconvenientes poderíamos poñerlle o limitado espazo dispoñible na súa versión gratuíta e que a interface para a aplicación de escritorio podería mellorarse. Polo demais, resulta unha das aplicacións para tomar notas máis completas.

Evernote

Máis información: Sitio web de Evernote

Captura de Evernote

 

 

Google Drive

Captura de Google Drive

Se Evernote era para notas, Google Drive permitiranos crear, consultar e almacenar documentos máis complexos como follas de cálculo, presentacións, diagramas, notas, debuxos, formularios, táboas ou documentos de texto. Permítenos traballo colaborativo, con varias persoas editando un documento á vez, pero tamén acceder ao documento dende a web ou da súa aplicación Android. Ademais podemos compartir un documento só para a súa lectura enviando unha ligazón a outra persoa. O editor de cada tipo de documento resulta moi completo, chegando a equipararse con aplicacións de escritorio moi potentes doutras suites ofimáticas de pago ou de software libre, como as que víamos fai pouco no artigo: Suites Ofimáticas Libres: OpenOffice, LibreOffice e Callibra.

Google Drive

Máis información: Sitio web de Google Drive

 

 

Dropbox

Esta aplicación permítenos sincronizar arquivos na nube cos equipos onde a teñamos instalada, desta forma teremos os mesmos arquivos nos cartafoles que teñamos integrados no servizo. Nun móbil ou tableta podemos configurala para realizar copias de seguridade das nosas fotos e documentos, de xeito que estes se envíen directamente ao servidor de Dropbox. A súa maior aplicación práctica será o almacenamento na nube e o intercambio de arquivos entre varias persoas. Cómpre destacar os varios Gb que nos ofrece de forma gratuíta e que podemos ampliar convidando amigos a utilizalo ou facéndonos fans en Facebook, por exemplo. Ademais inclúe opcións de seguridade que permiten encriptar a información no noso dispositivo móbil para casos de extravío ou roubo.

Dropbox

Máis información: Sitio web de Dropbox

Captura de Dropbox

 

Feedly

Captura de Feedly

Lector de novas ou RSS que nos permite subscribirnos a webs ou blogs que vaian publicando entradas periodicamente. Desta forma infórmanos de todas as novas publicacións destes sitios aos que estamos subscritos sen necesidade de ir entrando neles dun en un e vendo se hai algo novo. Como nos presenta primeiro un titular e unha pequena descrición de cada entrada, podemos consultar as páxinas moi rápido, descartando aqueles contidos que non nos interesen. Ademais permítennos gardar as entradas para ler con calma máis adiante. Como tamén é un servizo web 2.0, podemos acceder tanto ao lector como ás webs gardadas dende outros dispositivos ou o noso equipo de escritorio.

Feedly

Máis información: Sitio web de Feedly

 

 

 

 

Flipboard

Lector de revistas dixitais cun funcionamento similar a Feedly, aínda que neste caso está máis orientado cara dispositivos móbiles. O formato que nos presenta sería parecido ao dos artigos dunha revista, ofrecendo tamén un titular e un resumo, de xeito que ao acceder ao contido temos a opción de consultar unha seguinte versión ampliada ou a definitiva na web do autor de dito contido. Podemos subscribirnos a múltiples revistas, pero a diferenza de Feedly, non nos mostra que contidos son novos cada vez que accedemos. A funcionalidade de lectura é tamén bastante rápida, se ben ten o inconveniente de que vai creando unha copia no dispositivo dos artigos vistos a modo de backup, isto fai que ocupe bastante espazo pasado un tempo e haxa que eliminar estes arquivos temporais manualmente. Outra diferenza con Feedly é que cada usuario pode crear a súa propia revista, polo que podemos subscribirnos ademais de a sitios ou blogs, a revistas doutros usuarios ou usuarias que tenñan os nosos mesmos gustos ou preferencias e ver as súas publicacións.

Flipboard

Máis información: Sitio web de Flipboard

Captura de Flipboard

 

 

 

 

FBReader

Captura de FBReader

Lector de ebooks en múltiples formatos, dende Pdf a Epub, Fb2, Mobi ou Html, o que nos permitirá ler calquera tipo de libros no noso dispositivo móbil. Ademais das súas versións para móbil, este programa o temos dispoñible en Linux e Windows, polo que podemos recorrer a el dende calquera contorno. Como outros lectores de ebooks, adapta o texto do libro electrónico á pantalla do dispositivo en que estea instalado. Permite diferentes opcións de configuración como definir o tamaño do texto, a cor de texto e fondo ou como pasar de páxina. Como nota a lembrar, apuntar que para descargar ebooks gratuítos podemos empregar o directorio xa publicado en Gabit: Directorio de sitios para descargar ebooks libres gratis.

Pocket

Máis información: Sitio web de FBReader

 

 

 

 

Pocket

É unha aplicación para gardar marcadores do estilo “ler despois”. Moitas veces estamos navegando e vemos unha páxina interesante que queremos consultar con máis calma cando teñamos tempo, ou interésanos deixala gardada para sempre. En vez de poñela como favorita podemos almacenala con esta aplicación e como é un servizo na nube, tela así dispoñible despois dende calquera outro dispositivo. Permítenos un sistema de etiquetado moi rápido que nos permite localizar despois o contido de xeito doado, así como outros marcadores similares coa mesma etiqueta. Non só podemos gardar contidos dun navegador, senón que tamén podemos almacenar os contidos doutras aplicacións como Flipboard ou Feedly, o que a converte nun complemento ideal para agrupar os nosos favoritos nunha única aplicación.

Pocket

Máis información: Sitio web de Pocket

Captura de Pocket

 

 

Por último, inclúese a modo de resumo un taboleiro de Pinterest onde se amosan estas e outras aplicacións da categoría Ofimática e enlázanse coa súa  páxina na tenda de Google Play Store para facilitar a súa instalación.

 

Segue o taboleiro de Gabit: Android - Ofimática en Pinterest.

 

 

 

Preme Me gusta no Facebook de Gabit

 

 

 




Séguenos en Facebook Twitter Slideshare Pinterest RSS

Validado Nivel de Accesibilidade AA XHTML Válido CSS Válido

Drupal
 
Principal
Inicio
Nós
Servizos
Artabria
Aviso legal
 
Social
Contacto
Comunidade
Recursos
Publicacións e contidos
Buscador
eBooks
Revistas

Gabit © 2019, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.