Marcadores sociais: Diigo e Delicious

 

Marcadores

 

A maioría dos navegadores permítennos gardar unha lista dos sitios que visitamos, coñecida como marcadores ou "Favoritos". A idea é que se estamos nun sitio poidamos gardar a súa URL ou enderezo web e despois dende a lista podamos acceder ao sitio cun simple clic de xeito doado. Esta lista de sitios web queda almacenada no navegador en cuestión, polo que se accedemos dende outro navegador noutro equipo non a teremos dispoñible. Os servizos de marcadores sociais aparecen co obxectivo de que teñamos sempre accesible esa lista de páxinas web, gardándoa na nube. Deste xeito accederemos ao servizo para obter os marcadores e podemos facelo dende calquera navegador e dispositivo. Ademais estes servizos nos ofrecen funcionalidades a maiores como compartir esas listas de marcadores con outras persoas ou colaborar para crealas e mantelas. Naquelas ligazóns que sexan públicas poderán facerse estatísticas sobre as más visitadas, e facer buscas dos contidos, por exemplo a través de etiquetas daqueles sitios máis consultados.

 

Introdución aos Marcadores Sociais (Social Bookmarking, en inglés)

 

 

Diigo

Diigo é unha das ferramentas de marcación social máis utilizadas. Permítenos xestionar listas de ligazóns ou marcadores, escollendo se as compartimos de forma pública, con outros usuarios/as ou as mantemos de forma privada, de xeito que só podemos velas nós. Cada marcador se gardará cunha serie de termos ou palabras clave, que facilitan a súa organización e a busca de información. Ademais de marcadores permiten almacenar outros documentos, imaxes e notas.

 

Presentación de Diigo (en inglés, pero moi clariña)

 

Como ferramenta educativa, a través de Diigo poden facerse listas de marcadores para a aula de forma que as poidan manter todos os estudantes colaborativamente. Ademais podemos seleccionar páxinas web para a clase e enviarlles a lista directamente a todos os estudantes o que nos facilita o filtrado e selección da información na rede. Por outra banda, permítenos facer comentarios nas páxinas marcadas como favoritos, que aparecen a modo de post-it e descatar partes do texto como se fora cun rotulador marcador, cambiando a cor de fondo. Grazas a estas dúas funcións, o educador pode marcar nas páxinas aqueles puntos que considera máis relevantes para os seus estudantes, e estes realizar tarefas de xeito colaborativo sobre as páxinas marcadas.

 

Engadir un marcador en Diigo (1)
Engadir un marcador en Diigo (2)

Exemplo de como engadir un marcador en Diigo na súa app móbil

 

Como noutras aplicacións, ao ser un servizo ou aplicación Web 2.0 podemos acceder a través da web dende calquera dispositivo e navegador, pero tamén dispón de extensións e plugins para os navegadores máis utilizados e aplicacións nativas para Android e iOS, de xeito que faciliten o uso deste servizo.

 

Icono urlSitio web oficial de Diigo.

 

 

 

Icono Delicious Delicious

Nunha liña moi similar a Diigo, Delicious tamén nos permite manter os nosos marcadores na nube, e xestionalos de forma social, en colaboración con outros usuarios. Fai un maior fincapé no etiquetado, que ten moita máis presencia neste servizo, permitindo por exemplo facer buscas por combinacións de etiquetas. A esta organización das etiquetas a denominan Folksonomía. De feito categoriza o sitio en tres seccións: Marcadores, Xente e Etiquetas.

 

Perfil de usuario/a en Delicious
Engadir un marcador en Delicious

Exemplo dun perfil de usuario en Delicious e de como engadir un marcador na súa app móbil

 

Outras opcións interesantes deste servizo son:

  • A posibilidade crear ligazóns amigables, por exemplo, acortadas ou personalizadas.
  • Canles RSS a medida, de xeito que se permiten subscricións a un usuario/a ou etiqueta específico.
  • Widgets para presentar as listas de marcadores noutras webs como por exemplo nun blog, a modo de listas de etiquetas ou ligazóns (blogrolls e tagrolls).

Como noutras aplicacións, ao ser un servizo ou aplicación Web 2.0 podemos acceder a través da web dende calquera dispositivo e navegador, pero tamén dispón de extensións e plugins para os navegadores máis utilizados e aplicacións nativas para Android e iOS, que facilitan o uso deste servizo.

 

Icono urlSitio web oficial de Delicious.

 

 

Ideas para usar os marcadores sociais en educación

  • Curación de contidos. Seleccionar e filtrar páxinas web relevantes e compartilas cos alumnos.
  • Creación de listas de recursos en grupo. Crear listas para grupos de estudantes de forma que todos poidan achegar os seus marcadores como exemplo de traballo colaborativo.
  • Marcar os contidos máis relevantes dentro das páxinas. Empregar as anotacións ou comentarios sobre as páxinas, e as ferramentas para destacar texto para indicar nas propias páxinas os puntos máis importantes.
  • Crear unha canle RSS de contidos para a aula, á que os estudantes se poidan subscribir.
  • Ferramenta de avaliación. Permitir que os estudantes analicen o contido dun sitio web, para, empregando as ferramentas comentarios e resaltar texto, prover de feedback e correccións.
  • Mellorar a capacidade de síntese e organización de información. A través de avaliar o correcto etiquetado dos marcadores. As etiquetas serán por tanto un resumo das ideas clave como unha forma de organizar e almacenar para a posterior recuperación de contidos.

 

 

 




Séguenos en Facebook Twitter Slideshare Pinterest RSS

Validado Nivel de Accesibilidade AA XHTML Válido CSS Válido

Drupal
 
Principal
Inicio
Nós
Servizos
Artabria
Aviso legal
 
Social
Contacto
Comunidade
Recursos
Publicacións e contidos
Buscador
eBooks
Revistas

Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.