App colaborativa: Spiral Education

 

 

App colaborativa

 

Spiral Education é unha solución que nos ofrece un sistema doado de integrar na aula de traballo colaborativo empregando smartphones, tablets e encerados dixitais (PDI). É unha solución gratuíta, moi doada de utilizar, e que se centra en dous aspectos clave, a resolución de exercicios e a discusión dos mesmos a partires da súa publicación no encerado dixital de clase.

 

 

Spiral Education

O obxectivo desta app é ofrecer un contorno colaborativo online doado de utilizar onde o educador/a e os estudantes se poidan comunicar de xeito sinxelo a través de dispositivos móbiles. Un punto a favor é a súa facilidade de uso, a cal permite que teña aplicación en calquera nivel educativo, a partir de primaria. Pódese instalar tanto en smartphones como en tablets cunha app para Android, pero tamén pódese utilizar dende calquera ordenador persoal, portátil ou notebook xa que se pode instalar como extensión dentro do navegador Chrome. Os estudantes poden participar nas tarefas e debates da aula, estando os resultados ao alcance do educador/a a través da aplicación e permitindo incluso a súa publicación ou consulta na pantalla do encerado dixital ou PDI.

 

Gráfico de funcionamiento

 

O educador/a pode responder ás tarefas para proporcionar correccións e comentarios aos alumnos/as, e controlar de forma remota o encerado dixital, onde se poden ver de maneira anónima o total de respostas da clase. Aínda que o formato de cada tarefa sexa sinxelo, do tipo pregunta/resposta, a publicación automática e anónima dos resultados globais do grupo resulta unha funcionalidade moi útil. Axuda a que os estudantes se impliquen na tarefa, xa que case nos lembraría a un concurso da tele, e iso tería un engadido lúdico, dentro do campo da gamificación. Pero ademais aporta unha avaliación inicial inmediata ou feedback ao docente, de maneira que o educador/a pode ver dunha soa ollada a resposta global da aula á pregunta definida. A continuación veremos como funciona.

Facendo uso do módulo de preguntas Quickfire, o profesor/a crea una pregunta directamente, podendo engadir ou non un temporizador para dar resposta á mesma.

Quickfire1

 

Cada estudante responde empregando o seu dispositivo móbil.

 

Quickfire1

 

 

O educador/a responde a cada estudante de forma independente ou amosa os resultados globais do grupo de maneira anónima no encerado dixital.

 

Quickfire1

 

 

No seguinte vídeo podemos ver todo o proceso, paso a paso:

 

Como funciona o módulo de preguntas

 

 

Por outro lado, o módulo Discuss permítelle ao profesor/a crear os contidos de cada lección coma presentacións. É un editor sinxelo, cun estilo similar a Google Slides, permitindo engadir imaxes, vídeos e textos. A maiores, permite incluír preguntas para debater en diapositivas clave.

Quickfire1

Estas presentacións transmítense ao encerado dixital e tamén se poden ver nos dispositivos dos estudantes. Pola súa parte, eles poden ademais ir respondendo ás preguntas de debate:

Quickfire1

Os comentarios dos estudantes vanse incluíndo anonimamente no encerado dixital. O educador/a dende o seu propio dispositivo pode revisar e engadir os seus propios comentarios, ademais de destacar determinados comentarios ou ideas ou parar a presentación para centrarse nunha determinada discusión.

Quickfire1

 

 

Pros e contras

A favor desta solución hai que dicir que é moi doado de utilizar tanto polo educador/a como por parte dos estudantes o que consegue que dende o primeiro momento poida utilizarse en clase sen requirir ningún tipo de formación previa. Por outro lado, hai que destacar a maneira en que se fai uso dos medios tecnolóxicos non coma fin en si mesmo senón buscando o verdadeiro obxectivo pedagóxico que sería o reforzar a participación e a colaboración na aula. Ademais, o que resulta unha funcionalidade moi innovadora, a posibilidade de ver os resultados anónimos en tempo real da ao docente unha avaliación inmediata da aprendizaxe na aula, permitíndolle reforzar e mellorar diferentes aspectos de cada lección segundo esta vaia tendo lugar cun aproveitamento óptimo.

 

En contra desta solución habería que sinalar unha serie de carencias, que por outro lado, serían doadas de solucionar en futuras versións o actualizacións. En primeiro lugar, tanto a web como as apps tan só se atopan dispoñibles en inglés. Non é que sexa una grande desvantaxe, pero si resultaría interesante que permitira configurar o idioma da interface a español ou galego, xa que favorecería a súa integración na aula. Outro aspecto mellorable sería na xeración de contidos, o editor é moi sinxelo e isto é unha vantaxe, pero se bota en falta a posibilidade de cargar presentacións externas directamente, importándoas, ou mesmo que deixara engadir outro tipo de contidos como os paquetes Scorm. Se se incluíran estas facilidades axudaría moito á reutilización de contidos xa existentes. Por último, se bota en falta que dispoña de apps para máis sistemas operativos como Windows Phone ou iOS, aínda que isto pódese solucionar accedendo vía web en dispositivos con estes sistemas.

 

 

¿Como podo utilizalo?

Icono url  Podemos acceder á web oficial de Spiral Education para darnos de alta no sistema, crear a clase e engadir aos alumnos/as. Tamén se pode acceder ao resto de funcionalidades dende a web tanto no perfil de profesor/a coma no de alumno/a.

 

Ademais ofrece apps dispoñibles para descarga en:

Icono url Android.

Icono url Chrome Web Store.

 

 

 




Séguenos en Facebook Twitter Slideshare Pinterest RSS

Validado Nivel de Accesibilidade AA XHTML Válido CSS Válido

Drupal
 
Principal
Inicio
Nós
Servizos
Artabria
Aviso legal
 
Social
Contacto
Comunidade
Recursos
Publicacións e contidos
Buscador
eBooks
Revistas

Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.